6 xuño: CONFERENCIA. Vedra e Teo: dous exemplos da importancia da emigración a América

A historiadora Rocío Botana Iglesias, investigadora adscrita na actualidade ó Museo Pedagóxico de Galicia e profunda coñecedora da  historia das sociedades de emigrantes dos Concellos de Teo e Vedra, impartiu o sábado 6 de xuño do 2009, ás nove da noite na antiga Casa Escola de Ponte Ulla (Vedra), a conferencia "Vedra e Teo: dous exemplos da importancia da emigración a América".
A "instrucción pública" e a mellora das infraestructuras, identificadas polos emigrantes  como clave para o progreso do seus lugares de orixe e tan desatendidas polos gobernos de quenda durante boa parte do século XX en Galicia, foron dous dos obxectivos nos que máis esforzos e cartos se investiron dende América e dos que Vedra conserva mostras sobranceiras, froito do traballo dos nosos emigrados.
Dalas a coñecer e recordalas é a intención desta conferencia enmarcada dentro dos actos de conmemoración do Centenario das Sociedades de Emigrantes do Concello de Vedra que se celebrará en outubro de 2010.